martes, 4 de noviembre de 2014

SOBRE A IMPORTANCIA DA COMUNICACIÓN E A FELICIDADE

Aquí vos deixo a miña entrada como firma invitada, non sen antes agradecer a todas as compoñentes deste blogue que me permitisen publicar nel esta pequena achega sobre o tema da comunicación. Espero que disfrutedes coa lectura.

Un saúdo!!!!

Carolina

Sempre me gustaron as historias, tanto aquelas ás que se accede a través da lectura, como as que por medio das palabras e outros medios nos transmite a xente e o entorno que nos rodea; quizais porque nos permiten evocar eses anos máxicos da nenez.

Cada persoa, cada lugar, cada momento… conta unha historia. A comunicación, queiramos ou non está presente en todos os aspectos da vida e é un aspecto crucial no traballo de orientación laboral, no que a carga motivacional e afectiva está tan preto de nós. 

Como orientar a unha persoa que acode ao servizo porque está sen traballo, por máis que o intenta non atopa e o seu nivel de motivación e autoestima están a ras de chan? 

Esta é só unha das situación que se poden presentar, pero cada persoa ten a súa propia historia, cada unha coas súas particularidades.

Por iso considero que as competencias comunicativas e sociais son un factor clave para o persoal orientador e, dentro destas, desenvolver 2 aspectos básicos: a capacidade de escoita activa e a empatía.
Como acompañar senón a unha persoa no seu proceso de orientación se non somos capaces de entender como se sente, de interpretar o que realmente nos quere dicir, tanto coa súa linguaxe verbal como non verbal e paraverbal? O principal é acadar un clima de confianza que permita chegar a “coñecer” á persoa, dentro das limitacións impostas por unha entrevista de orientación.


Igualmente, outra cuestión decisiva é o optimismo. Con isto non me refiro a manter unha postura idealista, senón optimista-realista: que acepta a realidade e intenta encontrar a mellor opción entre as posibles e, ás veces, imposibles. 

Gústame a comparación que nunha ocasión lle escoitei a unha persoa que tamén contaba historias: o pesimista é aquel que abre a ventá, ve chover e métese de novo na cama; o realista abre a ventá, ve chover e colle un paraugas e o optimista ve chover e pensa: que ben, como vai medrar a herba! Na miña opinión o mellor é coller o paraugas pensando que un día de chuvia ten tamén cousas positivas.


Como abordemos dende un primeiro momento a relación – comunicación coas persoas orientadas senta as bases do traballo posterior.

Dentro da linguaxe empregada é importante coidar a linguaxe verbal, o que dicimos coas nosas palabras, e tamén a linguaxe non verbal e paraverbal (xestos, entoación, etc.) para que a comunicación sexa efectiva: escoitar activamente, parafrasear, sintetizar a información, adaptala ao rexistro da outra persoa, centrarse nas súas posibilidades máis que nas limitacións,etc. e sempre dende unha actitude de respecto, comprensión e aceptación. 

Chegados a este punto gustaríame reflexionar sobre o poder do sorriso.

Parece incrible pero cando nos atopamos cunha persoa que presenta unha actitude de rexeitamento ou enfado o saudar cun sorriso, mirarlle aos ollos, asentir e intentar poñerse no seu lugar para entender como se sente fai que a súa actitude mude radicalmente. O mero feito de sorrir fai que a nosa expresión cambie pero tamén algo en como nos sentimos empeza a cambiar.



Volvendo á linguaxe verbal e en relación a un tema moi de moda hoxe en día, o coaching, pero que en realidade vense facendo dende sempre,está a importancia de facer preguntas e facerse preguntas a un mesmo. Non é máis que unha versión actualizada do método socrático, a través do cal o filósofo da antigüidade formulaba preguntas aos seus discípulos para que eles mesmos atopasen a resposta.

 Nesta liña, o labor en orientación ten moito que ver con esa axuda ou acompañamento á persoa para que a través das preguntas adecuadas sexa capaz de identificar as súas fortalezas e debilidades, defina os seus obxectivos, sexan laborais e persoais, posto que é moi difícil separar os distintos ámbitos da vida, e comece a realizar un esbozo do camiño a seguir para alcanzalos. Considero que o punto de partida de calquera proceso de cambio debe partir do autocoñemento

Isto, aínda sendo o ideal, non é doado debido ás limitacións temporais no tempo de atención á persoa, o que fai que tendamos a dar resposta directa ou guiar á persoa naquelo no que amosa dúbidas ou interese. 

Nunha ocasión escoitei a unha persoa experta na materia diferenciar dous conceptos: implicación e compromiso, para o cal poñía un exemplo gráfico: a imaxe do prato de bacon e o prato de ovos fritos.

Na súa significación, o porco estaba implicado, mentres que a galiña só estaba comprometida. Sinto disentir neste aspecto, pero penso que un feito importante para non caer no tan coñecido “burnout” e poder desempeñar do mellor xeito e con continuidade o noso traballo é precisamente non chegar a ese punto de implicación, senón ter a capacidade de situarse nun nivel de compromiso. Por iso me parece tan importante, igual que noutras profesións que implican un trato directo coas persoas, artellar medidas que axuden a afrontar o estrés e sentimentos de frustración que poden xurdir e contribuír a separar a vida profesional da persoal. 
Finalmente, gustaríame rematar cunha idea de sumo interese: 

Igual que as historias que nos calan perduran no tempo como unha pegada imborrable hai frases ou palabras que tamén quedan gravadas na nosa mente e poden condicionar como pensamos, como nos sentimos e como actuamos. Que grande poder o da palabra! 

Realmente nos paramos a pensar algunha vez nos seus efectos? E na nosa linguaxe interna? 

Hai que ser consciente de que o que os demais nos din (sexa a través da palabra ou de cómo interpretamos os seus actos e a súa linguaxe non verbal) e, por suposto, o que un mesmo se di, afecta de forma directa ás emocións que, a súa vez determinan o noso comportamento. 

Como acompañar a unha persoa no camiño de autocoñecemento cando ten unha bagaxe tremenda de mensaxes negativas que limitan a súa acción? 

“As palabras producen pensamentos, estes ideas, que á súa vez se traducen en emocións” 

Como vemos, a orientación é un proceso continuo, que debe acompañar á persoa ao longo da vida e incidir sobre todos os aspectos, non só o laboral, acompañando e axudando a identificar as distorsións cognitivas que impiden progresar no propio desenvolvemento persoal e adquirir os recursos necesarios para superar os obstáculos e avanzar no camiño cara o éxito; un éxito que non sempre está ligado á consecución dun traballo determinado senón á realización daquelo que realmente nos faga FELIZ.


No hay comentarios:

Publicar un comentario